O Boiro deixa escapar unha nova oportunidade de cara á permanencia

    BOIRO> Os de Fredi Álvarez empataban a cero onte domingo en Barraña co Caudal Deportivo. Os afeccionados que se achegaron onte domingo ó Municipal de Barraña a presenciar o encontro entre o Club Deportivo Boiro e o Caudal Deportivo de Mieres marcharon bastante decepcionados. Ademais de ver como o equipo local deixaba escapar dous puntos importantes, apenas viron fútbol ó longo dos noventa minutos. Os dous equipos, xa vellos coñecidos, ó ser rivais hai un ano na fase de ascenso que levou ós barbanzáns á 2ªB, limitáronse a contemporizar, xogando máis a non perder que a levarse a vitoria. Os dous conxuntos atópanse nunha situación complicada. Apenas separados por un punto na clasificación, o Boiro ten 33 e o Caudal 34, os dous deben xogarse a vida en cada partido se non queren meterse nos postos que conlevarían ó descenso de categoría ó final da tempada. Onte os asturianos sairon de principio máis enchufados, levando o peso do partido nos primeiros minutos, pero sen apenas crear perigo sobre a portería defendida por Pato Guillén. A base de balóns colgados á área e xogadas a balón parado, un dos fortes do equipo, o Caudal intentou adiantarse no marcador, pero non o conseguiu, debido ó acerto defensivo dos locais. Transcorrida preto da primeira media hora de partido chegaba a xogada polémica. Un gol anulado ó Boiro. O arbitro asubiou fóra de xogo a Juampa que de subir ó marcador cambiaría en moito o transcurso do partido. A xogada foi moi criticada nos locais. Xa na segunda metade máis do mesmo. Os dous equipos apenas crearon ocasións de gol claras, mostrándose os dous con moitas reservas en ataque. Para o Boiro vaise unha boa oportunidade de escapar dos postos de perigo. Os últimos dous partidos na casa acabaron en empate. A xornada de 2ª B para o resto de equipos galegos resultou bastante negativa. O único equipo que conseguiu a vitoria foi o Celta B que se impuxo ó Tudelano por un gol a dous. O resto de resultados foron derrotas. O Somozas caía co Mutilvera 1 a 3, o Racing de Ferrol co Valladolid B 1 a cero, o Pontevedra co Osasuna B, 2 a 1, e o Coruxo co Guijuelo, 1 a 3.