Vinte e un alumnos recibirán formación no obradoiro de emprego Tahume II

    RIBEIRA> Bota a andar a segunda edición do obradoiro de emprego Tahume no que participan os concellos de Ribeira e Porto do Son. Un total de vinte e un alumnos recibirán formación profesional no eido da carpintería durante seis meses. Un equipo de seis profesionais será o encargado de formar ós dezasete homes e catro mulleres que participan no obradoiro de emprego Tahume II. Como xa acontecera na primeira edición, os concellos de Ribeira e Porto do Son desenvolven conxuntamente a iniciativa, con once e dez alumnos respectivamente. Cada un dos municipios investirá ó redor de corenta mil euros en materias mentres que a Consellería de Traballo financia o obradoiro cunha partida de cento noventa mil euros. Unha vez finalizada a formación os participantes recibirán un certificado de profesionalidade válido para toda España como primeiro paso para acceder ó mercado laboral. Ademais da formación e creación de emprego, obxectivos básicos deste tipo de iniciativas, o obradoiro repercutirá tamén en beneficio dos concellos coas obras que se van realizar, principalmente relacionadas con mobiliario urbano e sendas peonís.