O IES Leliadoura reclama a dotación de fibra óptica

    RIBEIRA> O IES Leliadoura de Ribeira leva tempo reclamando a mellora da conexión a internet con que conta o centro. O claustro de profesores reclaman que se dote ás instalacións de fibra óptica, aproveitando as obras que se están a acometer no municipio con este fin. O Leliadoura conta na actualidade con cincocentos trinta alumnos matriculados na ESO e nos catro ciclos formativos que imparte o instituto. Malia que tódalas aulas contan con equipos informáticos, posto que utilizan o sistema de pizarras dixitais, a conexión a internet segue a ser deficitaria, cos consecuentes prexuízos que ocasiona para o normal desenvolvemento das clases. A pesar de que a conexión ten mellorado trala instalación dunha nova antena a principios de ano, o sistema segue a rexistrar numerosas inicidencias polo que dende o centro reclaman a dotación de fibra óptica. Aproveitando as obras de instalación de fibra que se están a realizar no centro de Ribeira, no marco do programa Escolas Conectadas de Galicia de Red.es, a comunidade educativa reclama que se leve esta tecnoloxía ata o centro. Insisten en que o investimento sería mínimo posto que dista uns trescentos metros de onde se está a instalar o cableado. A pesar das reiteradas reclamacións do profesorado e da ANPA a Xunta no concretou aínda se o centro ribeirense se verá beneficiado por este programa. De non ter resposta canto antes, o claustro de profesores non descarta a toma de medidas de presión para contar cunha conexión acorde ás necesidade dun centro que conta con preto de cincocentos ordenadores.