A corporación municipal de Pontevedra celebrou hoxe un peculiar pleno. Entre os puntos a tratar estaba a toma de posesión da nova concelleira do Psoe, dar conta da remodelación do grupo de goberno e actualiza-las taxas municipais. Aínda que se dúbida os protagonistas da sesión foron os traballadores de Ence.
Arredor de 150 traballadores de Ence ateigaron hoxe o salón do Teatro Principal de Pontevedra onde se celebraba o pleno da corporación municipal. Quería conmenora-lo aniversario da sesión celebrada hai un ano e que eles califican como o "pleno dos terroristas", xa que tres dirixentes de CC.OO. foron denunciados por impedi-la celebración do mesmo despois de tentalo durante máis de dez horas.
Precisamente dous dos tres acusados estaban na sesión de hoxe, José Luis García Pedrosa e Xaime Iglesias. Foron eles os que aseguraron que a concentración era unha protesta pacífica para recordar que a situación dos traballadores de Ence segue sendo incerta e que a súa reivindicación é xusta. Hoxe tan só se limitaron a levantar pancartas, tapa-la boca con pegatinas e aplaudir en determinadas intervencións. Por exemplo trala toma de posesión da nova concelleira do PSOE, Celia Alonso Caramés, que sustituirá a Guillermo Meijón.
Ademais se deu conta da remodelación do grupo de goberno e das retribucións que reciben determinados edís, unha cuestión que foi duramente criticada polo concelleiro Rivas Fontán. No referente á actualización de taxas e impostos municipais, case todos subiron o IPC, un 3,3%, exceptuando o referente ós bombeiros que subirá un 44%, segundo o goberno local para disuadir ós veciños que estaban abusando do servizo para abrir portas xa que lles saía máis barato que chamar a un cerraxeiro. Unha cuestión que tamén foi rebatida pola oposición.
Precisamente neste intre comezaron a abandoa-lo pleno os traballadores de Ence. Onde houbo unanimidade foi en facer unha declaración institucional sobre os Presupostos Xerais do Estado para o vindeiro ano, que todos consideraron insuficientes para Pontevedra. O pleno rematou sen máis incidentes.
Redacción Salnés