Política Social manterá as sesenta prazas concertadas nos centros de AMICOS

    RIBEIRA> A Xunta de Galicia destina setecentos trinta mil euros para prazas concertadas nos centros que a asociación AMICOS ten no Barbanza. Así o manifesto o Conselleiro de Política Social na visita realizada esta mañá ás instalacións da entidade en Ribeira. José Manuel Varela reafirmou o compromiso do seu departamento coas asociacións que traballan en prol da inclusión das persoas con discapacidade. É o caso de AMICOS que conta cun centro ocupacional en Ribeira e unha residencia en Boiro, ofrecendo cobertura a usuarios de toda a comarca. De aí, o importante esforzo inversor da Xunta que este ano destina setecentos trinta mil euros para manter o número de prazas concertadas nos seus centros, que dende o pasado ano acadaron as sesenta. Na visita realizada ás instalacións de Oleiros, en Ribeira, Rey Varela coñeceu un pouco máis de preto as unidades educativas e de atención temperá. Ademais de achegarlle parte da súa actividade, os representantes da entidade aproveitaron para solicitarlle novos investimentos que lle permitan ampliar servizos e cobertura. Na súa visita, o Conselleiro estivo acompañado polo alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz, quen se comprometeu a acompañar o esforzo inversor da Xunta coas achegas municipais para garantir o bo funcionamento destes centros que desempeñan un labor fundamental de atención ás persoas con diversidade funcional e apoio ás familias. Tamén se achegaron ata o centro de Oleiros a Directora Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola Martínez, e a concelleira de Servizos Sociais de Ribeira, Esther Patiño.