A pequena Daniela Otero acenderá o Nadal de Boiro

BOIRO> Este venres terá lugar o acendido do alumeado de Nadal de Boiro. Será Daniela, unha pequena boirense afectada por unha enfermidade rara, a encargada de premer o botón que inunde de luz a vila nestas datas festivas.

Cada ano, o concello de Boiro vén colaborando cunha causa solidaria no acendido das luces de Nadal. Se en anteriores ocasións correu a cargo de entidades benéficas ou fundacións, este ano a  protagonista será a pequena Daniela. Afectada por unha enfermidade rara, que nin ten nome, a nena precisa de numerosas e custosas terapias posto que non pode andar nin falar.

Durante a xornada do acendido, os voluntarios do Grupo Turbina procederán á venda de chocolate con churros. A recadación irá destinada á familia de Daniela, co fin de poder sufragar parte dos gastos que orixinan as terapias e desprazamentos.

O concello inicia así esta pequena colaboración á que pretende dar continuidade ó longo de todo ano con actos que contribúan a mellorar a calidade de vida da pequena Daniela.