MUROS> A confraría de Muros sufría este fin de semana un duro golpe coa extracción ilegal de 300 quilos de berberecho. Malia que os vixilantes conseguiron recuperar o marisco e trasladalo á lonxa de Esteiro, os furtivos volveron a por el. Forzaron a porta da nave e roubaron os sacos de produto, cun valor próximo ós 4 mil euros.
Os feitos aconteceron na madrugada do domingo cando os vixilantes detectaron a presenza de varios furtivos na praia de Esteiro. Ó verse descubertos, fuxiron deixando na zona tanto os útiles de pesca como o marisco extraído que ascendía a 300 quilos. Os vixilantes comisaron o produto e procederon a depositalo na lonxa de Esteiro para volver a sementalo ó día seguinte. Pero non puido ser posto que os furtivos volveron a polo marisco e tras forzar a porta da rula levaron consigo os sacos de berberecho, cuxo valor pode ascender ata catro mil euros.
O patrón maior de Muros recoñeceu que tras unha tempada bastante tranquila, os furtivos están a incrementar a súa presenza nas autorizacións da confraría e no que vai de campaña xa teñen comisado unha vintena de rastros. Insiste en que se trata de equipos organizados que viven do furtivismo.
Ademais de endurecer as sancións, dende o sector apelan a un maior control da comercialización deste marisco de procedencia ilegal.