RIBEIRA> Catro compañías compoñen o cartel da Mostra de Títeres que, un ano máis, animará os sábados do mes de abril en Ribeira. Ademais dos grupos galegos, haberá presentación vasca e madrileña. Cunha década ás súas costas, a Mostra de Teatro de Ribeira consolidouse xa como un dos festivais de monicreques máis estables de Galicia. Catro compañías levarán as súas montaxes a escena durante os sábados do mes de abril. Tódalas funcións desenvolveranse no auditorio municipal a partir das sete da tarde. Serán de balde polo que só se precisa retirar a invitación media hora antes do comezo do espectáculo. Non é a única oferta teatral da concellería de Cultura de Ribeira que para este venres programou a representación de ‘Mensaxe do Mar’ da compañía Fantoches Baj no marco das actividades de conmemoración do Día das Artes Galegas dedicado este ano a Maruja Mallo. Paralelamente, a biblioteca municipal acollerá durante todo o mes de abril unha mostra sobre a vida e obra da pintora.
Inicio Barbanza - Muros - Noia