O executivo noiés mellora varias rúas do casco histórico en mal estado

    NOIA> A actuación, que está a ser realizada pola propia brigada de obras municipal, afecta á rúa Comercio, á Corredoira de Luís Cadarso, ó Cantón e a Montero Ríos. A brigada de obras municipal está a desenvolver dende hai varias semanas o acondicionamento de varios tramos de rúas do casco histórico cuxo pavimento se atopa nun mal estado. As actuacións iniciáronse precisamente na rúa Comercio, aínda que posteriormente afectarán tamén a outras como é o caso á Corredoira de Luís Cadarso, ó Cantón e a Montero Ríos e prevén a substitución das lousas de pedra deterioradas por outras. Dende o executivo noiés insistiuse na importancia desta obra, xa que se trata de zonas moi transitadas e nas que se concentra boa parte do comercio da vila. A actuación prevé tamén buscarlle solución a un problema dunha perda de auga que afecta á fonte da praza da Fanequeira, actualmente sen subministro, e que xa foi obxecto de queixas por parte dos residentes da zona.