O BNG denuncia a concentración de metais pesados no Rego de San Finx

    LOUSAME> Augas de Galicia confirma a alta concentración de metais pesados nos afluentes de San Finx, en Lousame. Estas analíticas corroboran a denuncia realizada en xaneiro por ADEGA sobre os verquidos contaminantes derivados da explotación das minas. As analíticas remitidas por Augas de Galicia confirman a presenza de elementos tóxicos, especialmente cadmio, que superan os límites legais no Rego de San Finx. Este informe vén constatar o risco de contaminación que xa denunciaran no seu día tanto a asociación ecoloxista ADEGA como o BNG. Estiman que se están a verter un millón de metros cúbicos anuais procedentes das galerías inundadas. Os nacionalistas esixen a Augas de Galicia a toma de medidas ante o risco ambiental que implicaría un accidente na balsa de lodos alí depositados. Balsa da que, a día de hoxe, non se aclarou a súa titularidade. Á marxe do desastre ecolóxico, o BNG alerta dos prexuízos que pode provocar á produción marisqueira posto que o rego desemboca no río Vilacoba e este, á súa vez, na ría de Noia. Tras levar o debate ó Parlamento Galego, os nacionalistas trasladarán á Comisión Europea toda a documentación relativa ós vertidos para solicitar a apertura dun expediente. Malia que si hai límites que exceden a normativa marco, Augas de Galicia insiste en que non se trata dun depósito tóxico nin existe risco inminente de seguridade.