![]()
RIBEIRA > Esta madrugada o ‘Cordeiro’, un arrastreiro con base no peirao ribeirés, íase a pique a escasas 20 millas do Cabo Prior.
Unha vez máis, o mar leva o loito a comarca da Barbanza. Esta madrugada o Cordeiro, un arrastreiro con base en Ribeira, íase a pique a escasas 20 millas do Cabo Prior, ao noreste da cidade da Coruña. Con el, afundian os seus oito tripulantes. O servizo de salvamento rescataba con vida a tres mariñeiros, dous galegos e un de nacionalidade indonesa. Tamén recuperaba o corpo sen vida doutro dos tribulantes: trátase de Francisco Alboreda Rey, mecánico do pesqueiro e natural do concello de Ribeira. No mar aínda continuan desaparecidos catro mariñeiros, dous galegos e dous indonesios. O forte temporal rexistrado na zona dificultou as tarefas de busca, que se alongaron durante toda a xornada.
Consternación en Ribeira
Dende que se coñeceu a nova do afundimento do Cordeiro dende primeira hora da mañán, no porto de Ribeira déronse cita mariñeiros e coñecidos dos tripulantes do pesqueiro agardando novas. As primeiras informacións xa apuntaban a que algúns dos tripulantes desaparecidos residian no municipio, onde eran coñecidos pola maioria dos que traballan no sector do mar.
O primeiro sinal da radio baliza rexistrouse as dúas e media da madrugada. Enseguida, púxose en marcha un dispositivo de rescate. Ás poucas horas do afundimento, unha lancha de salvamento Marítimo recollía con vida ao patrón do Cordero, Marcos Antonio Ures, natural de Malpica e de 29 anos de idade. O mariñeiro presentaba un cadro grave de hipotermia e era trasladado ata o Hospital Juan Canalejo da Coruña, onde permanece ingresado na unidade de coidados intensivos. Os outros dous superviventes, un mariñeiro indonesio de 30 anos, Hendra Hermawan e o contramaestre da embarcación, o ribeirense Jose Manuel Parada Argibay eran rescatados polo buque Praia de Esteiro, que faenaba preto da zona onde se afundiu o Cordeiro.
A nova tráxica chegaba ao redor do mediodía. O helicóptero Pesca 1 da Xunta recollía o cadáver do mecánico do pesqueiro, Francisco Alboreda Rey que era conducido ata o aeroporto de Alvedro. Seguindo o operativo de rescate estivo o armador do Cordeiro, José María Santiago, que é tamén o presidente dos arrastreiros de Ribeira e ata hai poucos meses o patrón da embarcación sinistrada.
Malia todo, as causas do afundimento aínda non están claras. Segundo explicou o vicepresidente dos arrastreiros de Ribeira o Cordeiro é un barco novo, que pasou todos os controis de seguridade hai tan só seis días.
Operativo de busca
Durante toda a mañá traballaron na busca dos mariñeiros desaparecidos el Helimer Galicia e varios barcos que faenaban na zona entre eles, o Virgen de Faro I e II e o Sigrás, así como os helicópteros da Xunta de Galicia Pesca 1 e 2. Segundo avanzaba a xornada o empeoramento do temporal que zoaba na zona obrigou a reducir os efectivos. Tan só o buque Don Inda permaneceu no lugar do sinistro na busca dos ribeirenses Jose Alfonso Sotelo e Alberto Otero, e dos indonesios, Rudiyanto e Stamet. A traxedia acontecida hoxe revive outros sinistros que golperaron con forza ao concello de Ribeira e no que tamén faleceron mariñeiros da localidade. Co paso das horas, redúcense as posibilidades de atopar con vida os mariñeiros desaparecidos.
{flowplayer}images/salnes/naufraxio.flv{/flowplayer}
Redacción Barbanza










