A Deputación creará en Boiro un espazo de coworking especializado no sector do mar

BOIRO> O investimento deste proxecto, pioneiro en Galicia, ascenderá a preto dos cen mil euros.

A Deputación da Coruña e o concello de Boiro irán da man nesta iniciativa pioneira,  baixo o nome Emprende LAB-Barbanza, que posibilitará a creación dun espazo de coworking especializado no sector do mar e no turismo. O centro localizarase nas instalacións do viveiro de empresas e centro de formación, no polígono industrial de Espiñeira. O proxecto suporá un investimento de preto dos cen mil euros, dos que o 76% serán achegados directamente pola Deputación a través dos fondos da liña de apoio a emprendedores do Plan de Emprego Local. O proxecto pretende fomentar a creación e a aceleración de novas empresas relacionadas con sectores estratéxicos para esta comarca de Barbanza coma é o caso do conserveiro e do de transformación de produtos do mar, ós que se lle unirá tamén o hostaleiro e o turístico.

Boiro pasará así a formar parte, xunto con Oleiros, Carballo e Brión, do grupo de concellos que conforman o embrión da futura Rede Provincial de Centros de Traballo Colaborativo, que aglutinará tanto espazos xa existentes coma de nova creación, independentemente da súa tipoloxía, nos que se asentarán iniciativas emprendedoras de sectores moi determinados.

Comments are closed.