NOIA> O piloto de Dumbría foi o claro dominador da proba disputada esta pasada fin de semana. Por detrás del quedaron, por esta orde, Alberto Meira e Iago Caamaño. O piloto Víctor Senra adxudicouse con total claridade a 33 edición do Rally Ría de Noia. Unha proba marcada fundamentalmente polas malas condicións metereolóxicas existentes, o que aumentou a perigosidade e tamén a espectacularidade dalgún tramo. A chuvia caída durante a noite do venres ó sábado provocou que o asfalto estivera mollado, dándolle maior vistosidade á carreira. Esa circunstancia provocou ademais numerosas saídas de vía, aínda que ningunha de consideración. A carreira, valedeira para o Campionato Galego de Asfalto, era a terceira proba puntuable do ano despois da Coruña e Lalín. e acabou con tres pilotos que actualmente lideran o Campionato enriba do podio. O vencedor foi Víctor Senra, a priori o favorito para o trunfo, con pleno de vitorias nas tres carreiras disputadas ata o de agora no Galego. Foi o dominador da proba de principio a fin, con cinco vitorias dos oito treitos en competición. Por detrás del en segundo lugar quedou Alberto Meira e en terceira posición Iago Caamaño. En canto ós vencedores no resto de categorías destacar a vitoria de Daniel Berdomás na Copa Volante FGA, e a de Alberto Nimo que se facía coa Copa Top Ten Pirelli. Como é habitual o rally congregou a numeroso público, principalmente durante a xornada do sábado á tarde, que se achegou ata as diferentes estradas secundarias polas que se desenvolvía a carreira para non perderse nada do espectáculo. A organización, a cargo da Escudaría Berberecho, como vén sendo costume, volveu a estar de dez, e non se produciron incidentes de consideración, cunha especial atención nas medidas de seguridade tanto para pilotos como para afeccionados.
Inicio Barbanza - Muros - Noia