O BNG da Pobra demanda políticas para a promoción do emprego

POBRA> O BNG da Pobra demanda a posta en marcha de políticas activas para a creación de emprego. A través dunha moción solicitan a elaboración do plan de emprego aprobado en 2015 así como a concorrencia ás convocatorias de programas de cooperación cos concellos para formación e empregabilidade. Son moitas as medidas que ten proposto o BNG ó longo desta lexislatura para fomentar a creación de emprego e revertir a alza do paro que, segundo datos do pasado ano, supera xa o quince por cento. Sen embargo, a pesar da aprobación en pleno de diversos acordos como a elaboración dun plan de emprego xuvenil ou a dotación de chan industrial, pouco se ten avanzado na materia. Por esta razón volverán levar a pleno unha moción na que ademais da reprobación do alcalde e da concelleira de dinamización económica demandan unha serie de medidas encamiñadas a favorecer a creación de emprego.