Medio Ambiente pon en valor os parques naturais a través dun servizo de atención ós visitantes

    RIBEIRA> Medio Ambiente pon en marcha un novo servizo de atención ós visitantes nos parques naturais de Galicia. O obxectivo que persegue é a concienciación ambiental e a promoción do turismo de natureza sostible. O anuncio deste novo servizo partiu da propia titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, durante unha visita realizada esta mañá ó Parque Natural de Corrubedo. Fomentar o coñecemento do medio natural dende a infancia é a mellor maneira de contribuír á súa conservación. Así o entendeu a Consellería de Medio Ambiente que vén de poñer en marcha un servizo de promoción de natureza sostible nos seis parques naturais que integran a rede autonómica. Un investimento de catrocentos cincuenta mil euros permitiron a contratación de dezaoito técnicos encargados de dinamizar estes espazos a través de visitas guiadas, charlas de divulgación ambiental ou xornadas científicas. O servizo xa entrou en funcionamento no Xurés, nas Fragas do Eume, Monte Aloia e no parque natural de Corrubedo, onde Beatriz Mato realizaba o anuncio esta mañá. Prevese que a finais de mes tamén se oferten estas actividades en Lastra e no Invernadeiro. Ademais da dinamización dos centros de interpretación, Medio Ambiente traballa tamén nun plan de promoción do patrominio natural de Galicia con vinte e nove actuacións específicas en diversos puntos de interese de toda a comunidade. Unha delas é a posta en marcha do pasaporte da rede de parques naturais que, emulando a compostelá, permite obter un selo en cada un dos complexos naturais con premio para a primeira persoa que consiga completalos. Xogan con vantaxe os nenos do colexio de Artes que esta mañá convertíanse nos primeiros en recibir o pasaporte. Trala súa visita a Corrubedo teñen por diante un enriquecedor periplo polas outras cinco xoias naturais que conforman a rede galega.