Portos mellorará o pavimento da rampla de varada de Aguiño

    RIBEIRA> Portos de Galicia investirá cincuenta mil euros na mellora do firme da rampla de varada en Aguiño. Esta actuación, que estará finalizada antes do verán, mellorará as condicións de traballo dos profesionais do mar que levaban tempo denunciando o seu deterioro. O presidente de Portos de Galicia desprazouse ata o porto de Aguiño para anunciar a reparación da rampla de varada, actuación longamente demandada pola confraría da localidade. Esta non é a única mellora que o departamento autonómico acometerá proximamente no porto aguiñense. José Juan Durán anunciou que se dará resposta a unha serie de demandas formuladas polo patrón maior entre as que destaca a mellora da rede de alumeado ou a colocación de defensas nos puntos de atraque. O presidente de Portos lembrou que nos últimos anos se teñen acometido diversas actuacións no porto de Aguiño, especialmente no que respecta á consolidación das rampas de varada.