Inmerecida derrota do Boiro en Santander

    BOIRO> O Club Deportivo Boiro cae ante o Racing de Santander por tres goles a dous. Aínda así os boirenses ofreceron unha boa imaxe poñendo en serios apuros ó colíder da categoría, que conseguiría o gol do trunfo a piques de cumprirse o tempo regulamentario. Plantoulle cara o Boiro este domingo no Sardinero ó Racing de Santander, caendo finalmente derrotado por un axustado tres a dous. Os cántabros, que comparten liderato co Celta B, sairon de inicio a polo partido, aínda que sen crear moito perigo na área visitante. Os de Fredi ben posicionados en defensa intentaban contragolpear con perigo. A piques de rematar a primeira metade chegaba o PRIMEIRO tanto local. Abdón Prats cun medido testarazo aproveitaba un centro dende a banda de Jara. O tanto botaba por terra o traballo do Boiro. Co 1-0 chegábase ó descanso. Á volta de vestiarios o Boiro aproveitaría un erro en cadea na zaga racinguista para conseguir o tanto do empate. Cano de disparo cruzado batía ó guardameta local, facendo enmudecer ós afeccionados locais que xa pensaban noutra goleada. O gol do empate alporizou a un Racing que seguía buscando a vitoria, arremetendo sen piedade a portería defendida por Pato. Neste tempo foron varias as ocasións desperdiciadas polos locais nas botas de Aquino. E foi este mesmo xogador o que poñería de novo por diante ós cántabros, aproveitando unha acción de picardía de Héber Pena. Aínda así, con apenas diferenza, nunha gran xogada por parte visitante chegaría o golazo de Juanmpa, que de soberbio disparo introducía o balón pola escadra da portería defendida por Iván Crespo. Ver para crer. O Boiro poñía de novo as táboas no marcador a falla de escasos minutos para o remate do partido. Co tempo xa practicamente cumprido chegaba un novo tanto local. Peña poñía o tres a dous definitivo ó converter un pase atrás de jara. Foi un novo xarro de auga fría para un Boiro que continúa unha semana máis nos postos de descenso. Posto dezasete con tan só 34 puntos. En canto ó resto de resultados de equipos galegos nesta categoría destacar a abultada vitoria do Celta B ante o Somozas, 6 a 0; os trunfos do Racing de Ferrol e Coruxo, por dous a un ante a ponferradina e o Palencia, respectivamente; e o empate do Pontevedra en pasarón ante a Cultural Leonesa.