O PSOE ribeirés alega motivos persoais á súa ausencia do pleno

    xvicente_100_280606.jpgRIBEIRA > Lonxe de pasar inadvertida, a ausencia dos concelleiros socialistas no pleno celebrado o pasado luns pola corporación ribeiresa, vén de desatar unha agria polémica entre goberno e oposición. O PP considera que o plante dos socialistas constitúe unha total ‘falla de respecto’ ós seus votantes por non exercer correctamente a súa representación democrática. Pola contra, o PSOE alega motivos persoais e desvincula o feito de non asistir ó pleno de calquera intencionalidade política.

    O feito de que os concelleiros socialistas non asistiran ó pleno celebrado o pasado luns, sen notificar nin xustificar a súa ausencia, foi criticado duramente polos membros do partido do goberno que consideran que esta situación, única na historia da política municipal ribeiresa, dana o sistema democrático. Neste sentido, acusan ós socialistas de eludir as súas responsabilidades como representantes do pobo o que cualifican de ‘falla de respecto’.

    Así mesmo, o PP considera moi grave a falla de intervención en política municipal do grupo socialista que leva meses sen presentar ningún tipo de iniciativa plenaria. Sen embargo, son frecuentes as súas aparicións ante os medios de comunicación facendo oposición de cara á opinión pública e non no pleno, onde, segundo os populares, se deben debater os asuntos municipais. pleno_300_280606.jpg

    O PP considera que a ausencia do PSOE debeuse a que a orde do día incluía o debate de varias mocións que criticaban actuacións levadas a cabo por consellerías de signo socialista polo que é posible que os concelleiros non quixesen posicionarse ó respecto. Lonxe diso, o voceiro socialista, Xosé Vicente Domínguez, argumentou razóns persoais a causa dunha enfermidade no seu caso e motivos profesionais do seu compañeiro, Antonio Piñeiro.

    En canto á presentación de mocións, os socialistas sosteñen que as propostas dos grupos da oposición non son tidas en conta polo goberno que, aínda cando son aprobadas por unanimidade, non leva a cabo ningunha actuación. Neste sentido, consideran que o partido do goberno utiliza á oposición como ‘mera comparsa’ para poder celebrar os plenos, xogo no que os socialistas non están dispostos a entrar.

    Nesta mesma liña, o voceiro socialista insistiu na necesidade dunha maior participación cidadá na política municipal, feito que coarta o actual goberno coa eliminación do turno de rogos e preguntas para a cidadanía en xeral.

    Redacción Barbanza