O xerente de Espectáculos Lito garda silencio

    Ángel Martínez Pérez, máis coñecido como Lito, o Rei das verbenas en Galicia, acolleuse esta mañá ó seu dereito a non declarar. Preferiu asígardar silencio ante as acusacións de fraude fiscal da Fiscalía e a Avogacía do Estado, no xuízo celebrado esta mañá na Audiencia Provincial de Pontevedra. Enfróntase a 14 anos de cadea e máis de 53 millóns de euros de multas. Era o momento no que Ángel Martínez Pérez, responsable de Espectáculos Lito e propietario de múltiples orquestras como Panorama, se acollía o seu dereito a non declarar nun xuízo contra él e a súa empresa, por defraudar 9 millóns e medio de euros en dous anos. Era o comezo dunha sesión que se celebraba esta mañá na Audiencia provincial de Pontevedra, despois de que se suspendese ata en dúas ocasións. Os primeiros en declarar foron os peritos da Axencia Tributaria, que explicaron que tódolos datos que conduciron a este xuizo saíron da propia oficina da empresa en Caldas de Reis. Os inspectores de Facenda aseguraron que ó comezar a investigar, comprobaron que se trataba cun claro exemplo de economía sumerxida. Contaron cómo atoparon nas oficiñas de Lito material con anotacións da facturación de 26 millóns de euros correspondentes a 2011, dos cales só declarara dous, os que se facturaran en regra a concellos e televisións. Estes movementos realizábanse con máis de 70 orquestras e 6.500 actuacións en tan só un ano. O 90 por cento, en negro. Pola súa banda o abogado da defensa, centrouse en que a actividade do acusado era de mero representante e intermediario, que non producía nun vendía espectáculos, o que rebaixaría considerablemente os seus ingresos, e as súas obrigas tributarias. Pola sala foron pasando as distintas testemuñas citadas pola Defensa, entre elas, varios axentes de zona. Esta figura era a encargada de ofrecer ós concellos e comisión de festas de cada zona as actuacións para as súas verbenas, levando un dez por cento de comisión. A Fiscalía acusa a Lito e a súa empresa de defraudar 9 millóns e medio de euros entre 2011 e 2012 en Impostos de Sociedades, IVE, e IRPF. O magnate das orquestras galegas enfróntase a 14 anos de prisión e o pago de 53 millóns de euros. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/04abril/20/xuizo_espectaculos_lito_20042017_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/04abril/20/xuizo_espectaculos_lito_20042017.mp4{/flowplayer}