Fexdega convértese nun alberge para persoas sen fogar na loita contra o coronavirus

VILAGARCÍA> Vilagarcía toma medidas para minimizar o impacto da alerta sanitaria entre as persoas máis vulnerables. Así, Fexdega converteuse dende hoxe nun albegue con capacidade para 35 persoas sen fogar. A decisión enmárcase no plan de atención psicosocial de urxencia elaborado polo goberno local coas ONGs.

A súa apertura permitirá pechar o albergue de Cruz Vermella da praza da Constitución, e permitirá deixar de pagar hostais para acoller as persoas sen fogar que o demandan. Ademais, centralízanse os servizos e a atención, e garántese o confinamento que afecta a toda a cidadanía durante o Estado de Alarma.

Na posta en marcha do albergue en Fexdega colaboraron servizos do concello, Cruz Vermella e Cáritas; os seus voluntarios e operarios municipais serán os encargados de desenvolver o servizo.

Os usuarios contarán con aloxamento, manutención a través dun cátering e poderán acceder aos servizos de hixiene do pavillón. Tamén terán actividades de animación ao longo do día. Hoxe en Fexdega xa durmirán 20 persoas, 17 homes e tres mulleres.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí