O Boiro fulmina ó Celta B

    BOIRO> Os de Fredi, que foron moi superiores ó seu rival durante todo o partido, continúan coa fe da permanencia. Capaz do mellor e tamén do peor. Unha de cal e outra de area. O Boiro conseguía onte en Barreiro unha vitoria salvadora, que lle dá aínda esperanzas para a salvación á falla tan só de tres xornadas para o remate da competición. a permanencia está agora a un só punto. As cousas non pintaban ben de principio para os boirenses que chegaban a Vigo con sete xornadas sen coñecer a vitoria. Ante si un dos rivais máis fortes da categoría. Líder do grupo ata esta xornada, que acumulaba tamén oito trunfos consecutivos. Dende un primeiro momento os de Fredi sairon a polo partido, mostrándose moi superiores a un rival ó que acabaron vencendo por un claro cero a tres. O primeiro gol do Boiro chegaba no minuto 24 de partido, grazas a un tanto do seu dianteiro Rubén Rivera ó cabecear ó fondo das mallas un saque de esquina. A partir de aí o dominio pasou para os celestes, que se fixo dono do balón, pero sen xerar apenas perigo na área defendida por Pato. O Boiro ben pechado atrás si creaba perigo nas saídas. Xa na segunda metade, ó pouco da reanudación, chegaba o segundo tanto dos boirenses, obra nesta ocasión de Marcos Álvarez, que foi quen de resolver un contragolpe moi ben levado por Cano. O gol caeu coma un xarro de auga fría para o filial celeste que onte non encontrou en ningún momento o seu xogo e apenas inquietou a meta visitante. O terceiro tanto do Boiro, nesta ocasión de Romay, no 68, deixaba xa o definitivo cero a tres no marcador. Os boirenses seguen en postos de descenso directo, pero teñen a salvación a un punto. Na próxima xornada recibirán en Barraña ó sempre difícil Pontevedra. Equipo que esta fin de semana non pasaba do empate a uns co Coruxo, aínda que consegue manter acuarta praza con dereito a xogar o play off de ascenso. O outro derbi galego da xornada, o que enfrontou ó Racing de Ferrol e o Somozas saldouse tamén con empate, neste caso a ceros.