RIANXO> O Pazo do Martelo en Rianxo acolleu esta mañá a presentación do proxecto Traslatio Experiencial . Promovido pola Mancomunidade Barbanza Arousa e cun investimento de 2’6 millóns de euros ten por obxecto a dixitalización do destino a través da Ruta do Mar de Arousa e Ulla.
A xénese dos Camiños Xacobeos reside na ruta marítima do Mar de Arousa e o Río Ulla, que recrea a traslatio dos restos do apóstolo. Co obxectivo de poñelo en valor, á altura do resto das rutas xa consolidadas, a Mancomunidade Barbanza Arousa puxo en marcha o proxecto Traslatio Experiencial. Conta cun investimento de máis de dous millóns e medio de euros de fondos europeos, pode presumir de ser un dos únicos 5 proxectos de toda España que resultaron beneficiarios dunha orde de axudas convocada polo Ministerio de Industria e Turismo para a modernización do destino.
A dixitalización é o eixo principal deste proxecto a través dunha plataforma turística intelixente que permite aportar información ó turismo pero tamén recibila en forma de datos que permiten coñecer mellor o perfil de visitante para un deseño máis axeitados das estratexias turísticas.
Outro dos principais obxectivos é conectar os recursos do territorio coa ruta xacobea de xeito que se incremente a pegada económica nos 22 concellos polos que transcorre contribuíndo tamén á desestacionalización do turismo.