O Chicle seguirá en prisión incomunicada e sen fianza tras negarse a declarar nos Xulgados de Ribeira

RIBEIRA> O xuíz ratifica a súa decisión anterior e envía novamente ó cárcere a José Enrique Abuín, despois de negarse a declarar polas dúas causas polas que estaba citado esta mañá nos Xulgados de Ribeira: a desaparición e morte de Diana Quer e o intento de secuestro a unha moza de Boiro. Tamén pasou polos Xulgados ribeirenses a súa muller, Rosario Rodríguez, para quen o titular do Número 1, decretou a súa posta en liberdade, sen medidas cautelares, pero mantendo a súa condición de investigada.

Frenética xornada a vivida esta mañá nos Xulgados de Ribeira onde estaban citados a declarar tanto o Chicle como a súa muller. Como xa fixera na primeira toma de declaración pola xuíza de garda o pasado día 1, o Chicle volveu acollerse ó seu dereito a non declarar polas dúas causas que ten abertas: a desaparición e morte de Diana Quer e o intento de secuestro dunha moza en Boiro. O xuíz do Número 1, que pola ausencia hoxe do titular do Número 2, tomou declaración ó detido polos dous procesos ratificou a prisión provisional incomunicada e sen fianza. O seu avogado, José Ramón Sierra, non acudiu persoalmente, á citación do seu defendido, enviando a outro avogado do seu bufete que non quixo facer declaración.

Aínda así a primeira en pasar polos Xulgados foi a muller do Chicle, Rosario Rodríguez, quen se mostrou moi colaboradora e contestou a tódalas preguntas formuladas polo maxistrado. Saía en liberdade sen medidas cautelares aínda que permanece imputada polo caso da desaparición e morte de Diana. O seu avogado, Manuel Meiriño, non quixo dar ningunha explicación sobre a súa declaración, pero si trasladou o pésame da súa defendida á familia da vítima.

Despois de prestar declaración, o Chicle foi trasladado en furgón policial ó cárcere de Teixeiro. No momento da saída, como tamén ocorreu á entrada, José Enrique Abuín, o autor confeso da morte da moza madrileña foi increpado con berros de ’asasino’ polas ducias de persoas que se achegaron ata a zona dos Xulgados

 

Ata os xulgados de Ribeira tamén se achegou esta mañá o avogado Ricardo Pérez Lama, quen exercerá a acusación particular, en representación dos pais de Diana, Juan Carlos Quer e Diana López-Pinel, que desta volta acordaron ir de xeito conxunto na causa. Unha decisión confirmada polo propio letrado ás portas dos Xulgados.

Estaba previsto tamén que esta mañá pasasen polos xulgados outras dúas persoas máis que o xuíz citou para prestar declaración polo caso Diana. Trátase dos cuñados do Chicle, que no momento da desaparición da moza madrileña vivían con el e que nas declaracións ante a Garda Civil mesmo o encubriron. Pero non o fixeron, aínda que fontes do propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia Informaron de que está previsto que o fagan nos próximos días.