O concello de Boiro adquire dúas piragüas para o Club Piragüismo Rías Baixas

    BOIRO> Unha das embarcacións será empregada este xoves en Asturias por Adrián Mosquera nas clasificatorias para o Campionato de Europa. O alcalde de Boiro visitaba as instalacións do Club Piragüismo Rías Baixas en Escarabote para facerlle entrega dunha das dúas embarcacións que vén de adquirir o Concello para o Club. Unha delas xa poderá ser empregada por un dos deportistas do Club este próximo xoves no clasificatorio para o Campionato de Europa que terá lugar en Rumania o próximo mes de xullo coa que agardan axude a mellorar as marcas dos seus deportistas. Os dous piragüistas, tanto Adrián Mosquera como Andrea Vázquez teñen postas moitas esperanzas nesta proba. Esta non é a primeira vez que o Concello asume a compra de material para o Club, que neste caso ascendeu a uns catro mil euros. O alcalde, Xoán Xosé Dieste aludiu á necesidade de dotar ós deportistas boirenses dos medios necesarios para poder acadar boas marcas e chegar en igualdade de condicións que outros competidores doutros clubs.