As explicacións do goberno sonense non convencen á oposición

    PORTO DO SON> A corporación sonense celebrou esta mañá o pleno extraordinario para tratar as reunións de concelleiros delegados. Moitas eran as dúbidas, e a tenor das caras dos membros dos grupos da oposición nada máis acabar a sesión, poucas as respostas. Tanto Partido Socialista coma PortoDos e BNG criticaron a falla de transparencia co que o equipo de goberno está a tratar este asunto, a pesar das reiteradas solicitudes de información, algunha delas xa dende o inicio da actual lexislatura, así como o feito de ter que chegar á convocatoria dun pleno extraordinario para obter explicacións sobre este órgano, para eles de dubidosa legalidade e que, polo que se sabe ata o de agora, leva custado ó redor duns mil euros ás arcas municipais. O punto finalmente non saíu adiante, grazas ós votos en contra do PP, que dispón de maioría absoluta na corporación. Aínda así o alcalde, Luís Oujo, comprometeuse a encargar un informe ó secretario municipal para determinar a legalidade destas reunións que segundo sinalou o propio funcionario na sesión si se axusta á lei. Á espera dese informa, os tres grupos na oposición non descartan que o caso acabe na Fiscalía, e sexan os tribunais os que lle reclamen ó equipo de goberno toda a información oportuna ó respecto.