RIANXO> O PSOE trasladou as necesidades educativas dos colexios de Rianxo ó Parlamento. Os socialistas demandan a incorporación de mestres especialistas así como persoal docente suficiente para garantir os desdobres que establecen as ratios nos tres centros de educación infantil e primaria do municipio.
O PSOE trasladou ó Parlamento as reivindicacións das familias de Rianxo que levan meses demandan a incorporación de persoal especialista. Ademais do CEIP ANA María Diéguez de Asados, no que se sucederon as protestas dende o inicio do curso escolar, os socialistas chaman a atención tamén sobre a situación do colexio Castelao e do Brea Segade de Taragoña, que precisan tamén de máis horas de PT e AL.
Ante as demandas do cumprimento do catálogo de centros, o PP argumentou que nos centros rianxeiros está superado. No caso de Asados conta con 5’5 recursos máis do establecido mentres que o número de alumnos é de 113 fronte ás 220 prazas das que dispón o centro.
No debate interviñeron tamén os nacionalistas que destacaron o labor das ANPAS na loita por unha educación digna e inclusiva. Neste punto, Julio García Comesaña acusou ós nacionalistas de usar politicamente ás familias e mesmo ós nenos co obxectivo de obter rédito electoral.











