NOIA> A cinta escandinava Tonser fíxose co premio á mellor curtametraxe na Mostra Vila de Noia. Hugo de la Riva fíxose co premio especial do público con ‘Mañana Volveré’ mentres que o actor e director Iván Marcos recibiu o galardón honorífico.
A Mostra de Curtas Vila de Noia pechou a súa vixésimo terceira edición cunha gala celebrada a pasada noite no Coliseo Noela. Foi o mellor broche de ouro para 13 intesos días de cine que achegaron ata o concello barbanzá a miles de visitantes.
‘Tonser’ do director danés Mads Koudal alzouse co premio á mellor curtametraxe. Na categoría de mellor dirección, a distinción foi para a directora novel Ana Liébana pola cinta Mia Moglie e mentres que o premio ó mellor guión recaeu en ‘Caroline Sur le toit’ de Alejandro Bordier. ‘Loop’, de Pablo Polledri, foi distinguida como mellor curta de animación mentres que ‘III Marías’ de Andrea Bouzas alzouse co premio Pedro Brandariz á mellor curta amateur en galego.
No apartado de interpretación Lluis Marqués e Quim Ávila foron recoñecidos como mellores actores en ‘Iago e Tristán’ mentres que o premio á mellor actriz recaeu en Silvia Lorenzo. Iván Marcos recolleu o premio honorífico pola súa traxectoria mentres que Hugo de la RiVa recibiu o premio especial do público por ‘Mañana volveré’.
Os momentos máis emotivos da gala vivíronse coa homenaxe a Pedro Brandariz e a mención especial ó traballador de Cultura, Segundo Rosende, moi vinculado á mostra dende sempre pero actualmente de baixa.