O BNG de Boiro reclámalle ó Concello que axilice a reforma do campo de fútbol de Bealo

BOIRO> Membros do BNG, entre os que se atopaban a voceira municipal, Raquel Suárez, e a deputada provincial, Sol Agra, mantiveron unha reunión con representantes dos dous clubs que empregan habitualmente o campo de fútbol de Bealo, o Galicia Bealo de fútbol e os Lorchos de fútbol gaélico, para analizar novamente a situación na que se atopa o proxecto de reforma da instalación.

En abril de 2025, os nacionalistas incluíron unha iniciativa plenaria na que reclamaban esta actuación atendendo as demandas de vello destes dous Clubs que resultou aprobada por unanimidade, para instar á Deputación da Coruña a financiar esta actuación, incluíndo a instalación de herba artificial, pero polo de agora seguen agardando.

Dende os dous Clubs inciden na necesidade de que o Concello priorice este proxecto de reforma do campo, e denuncian os prexuízos que lles está a ocasionar.

A deputada provincial, Sol Agra, insistiu en que na Deputación aínda non recibiu a solicitude de financiación do proxecto por parte do Concello, un trámite imprescindible e necesario para que a Institución Provincial poida valorar e asumir o seu financiamento.