A investigación apunta á filla dunha curmá no asasinato do octoxenario de Moraña

A investigación apunta á filla dunha curmá como presunta asasina do octoxenario acoitelado en Moraña esta fin de semana. Agustín Chayán, de 84 anos e vivúo, vivía desde hai décadas con esta curmá e a súa filla, que padecía unha enfermidade mental. O home foi enterrado esta tarde na Igrexia Parroquial de Amil. Esta mañá só se escoitaban os ladridos de tres pequenos cans nesta casa familiar do lugar do Apedrado, na parroquia morañesa de Amil. Foi un particular o que atopou o corpo de Agustín Chayán o sábado pola mañá nos arredores da súa casa, e deu o aviso ós servizos de emerxencia. Ó chegar á vivenda non puideron facer nada por el. O home, de 84 anos, tiña numerosas feridas de arma branca. Agustín, viúvo desde hai máis de trinta anos, levaba case o mesmo tempo vivindo cunha curmá e a filla desta, duns 40 anos de idade, e que padece unha enfermidade mental. Esta muller permanece desde o sábado ingresada na Unidade de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Pontevedra. Desde o primeiro momento a hipótese do asasinato por roubo quedou descartada, o que fixo virar a investigación cara o entorno familiar da vítima. Todo apunta a que a filla da súa curmá, podería ser a posible autora do acoitelamento. Os veciños do lugar aseguran que os problemas e berros na casa eran habituais. Este veciño, que vive casa que está máis achegada á do falecido, non puido conter a emoción ó lembrar a Agustín. Afirmounos que para el a tráxica noticia foi un duro impacto. Neste concello de Moraña, de pouco máis de 4000 habitantes, a noticia conmocionou ós veciños pola brutalidade do crime, e a maioría deles preferiu non falar ante os micrófono. Algúns cren que a desgracia se podería ter evitado. Agustín Chayán Silva foi enterrado na Igrexia Parroquial de Amil ás seis desta tarde. As dilixencias do caso están xa no Xulgado de instrucción Número 1 de Caldas de Reis.