Máis de medio milleiro de persoas brindaron polo viño con DO

    CAMBADOS> Máis de medio milleiro de persoas alzaron as súas copas en Cambados polo Viño con DO. A praza do concello acolleu o pasado 20 de maio a primeira celebración Movemento Viño con DO, unha iniciativa que se repetiu de xeito simultáneo en máis de vinte denominacións de orixe de toda España. Máis de medio milleiro de copas alzáronse á vez o pasado 20 de maio en Cambados. Unha multitude congregouse na praza do concello para celebrar a primeira edición do Movemento Viño con DO. Antes do brinde, o sumiller cambadés José Luis Aragunde foi o encargado de ler o manifesto para este Movemento. Toda unha declaración de principios que resume o significado e a garantía que achega o marchamo de calidade da Denominación de Orixe. O Consello Regulador escolleu Cambados para conmemorar o seu nomeamento como Cidade Europea do Viño este 2017. A vila ademais non estivo soa neste brinde, que se repetiu á mesma hora noutras 23 Denominacións de Orixe de toda España. A celebración desta primeira edición do Movemento Viño con DO coincidiu coa Xornada de Portas Abertas da Ruta do Viño Rías Baixas. Dende a asociación celebraron unha vez máis o éxito de público que se acadou en todas as propostas, superando o medio milleiro de participantes. De feito, á espera das cifras definitivas, a Ruta estima que se superaron as cifras do ano pasado.