Presentan unha solicitude urxente para que se paralicen as voladuras do Monte Acibal

MORAÑA> Máxima preocupación en Moraña polo inicio das voladuras no Monte Acibal para a instalación dun parque eólico. Hoxe presentouse unha solicitude urxente de paralizacións desas obras. O colectivo Amil sen eólicos di que estes traballos comezaron sen a revisión de Patrimonio e de Augas de Galicia. Na zona, lembran, hai múltiples petróglifos e un xacemento de auga.

Aínda que as voluduras xa comezaron, a veciñanza non se rende. Os traballos para a instalación dun parque eólico no Monte Acibal, en Moraña, xa están en marcha, pero dende o colectivo de afectados Amil sen eólicos insisten en que Patrimonio e Augas de Galicia non revisaron o proxecto.

Hoxe mesmo, a Asociación Petón do Lobo e Ecoloxistas en acción presentaron unha solicitude urxente para que se paralicen estes traballos antes de que sexa demasiado tarde.

Esa é principal preocupación da veciñanza da zona: as voladuras destruirían toda esta zona de gran valor patrimonial. Os veciños falan de que hai ata medio cento de elementos de valor, que a empresa rebaixa a tan só cinco. Tamén moito valor natural, xa que neste monte está o nacemento do regato de Santa Susana.

Pero malia a insistencia do colectivo, nin Patriominio nin Augas de Galicia fixeron os deberes e non revisaron de forma exhaustiva as consecuencias que pode ter a instalación dos eólicos nesta zona. Nas últimas horas achegáronse ata o Monte Acibal para tentar paraliza-las obras.

Con todo a Garda Civil pediulles que abandonasen a zona porque a empresa conta cos permisos para a actuación.