Dous arousáns deseñan un arco desinfectante contra o coronavirus

CALDAS> A medida que avanzamos na desescalada, a desinfección para evitar a propagación do coronavirus é fundamental no control de posibles rebrotes. Para facilitar esta tarefa aparecen novos produtos, como esta proposta que ten selo arousá. Trátase dun arco de desinfección que emprega unha solución inocua para as persoas e para o medio ambiente, pero perfecta para inhabilitar ao virus.

Pablo Sabarís, enxeñeiro industrial de Caldas, e o rianxeiro José Rodríguez, empresario en construcións metálicas, son as dúas mentes que están detrás de Sanitarc, un dos novos sistemas que naceron ao abeiro da pandemia para loitar contra o coronavirus.

O peróxido de hidróxeno que empregan é unha solución inocua para o medio ambiente e para as persoas. Non así para o coronavirus. De feito, está recoñecido como desinfectante polo Ministerio de Sanidade.

Sabarís e Rodríguez puxeron as súas mentes a funcionar cando comezou a pandemia. Agora o arco xa está dispoñible para a súa comercialización. Ademais, o produto pode axustarse ás necesidades do cliente.

O tempo de fabricación deste arco 100% arousán é duns 10 días, e ten un custo que rolda os 5.000 euros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí