A microfeira ‘Castes’ triunfa na súa primeira edición

    VILAGARCÍA> Vilagarcía acolleu hoxe a celebración da primeira edición de Castes, unha microfeira dirixida tanto ao público xeral como ao profesional. A iniciativa foi posta en marcha polo sumiller José Dieste, do espazo gastronómico Derby. Nela os asistentes puideron coñecer de preto a oferta de adegas familiares das Denominacións de Orixe de O Ribeiro, Ribeira Sacra e, como non, Rías Baixas. “Castes” estreouse esta mañá en Vilagarcía. O túnel do viño despregado no espazo gastronómico Derby atraeu a decenas de profesionais do sector do viño, que viron nesta microfeira unha oportunidade para coñecer o que se está a traballar no mundo vitivinícola galego. Monovarietais, coupages, viños de garda, brancos ou tintos. As adegas participantes desprazaron ata Vilagarcía as súas elaboración para participar neste evento que, aseguran, permítelles un trato máis próximo co cliente. Variadas elaboracións pero sempre de viños de calidade, todos amparados en tres das cinco Denominacións de Orixe galegas. Adegas do Ribeiro, Ribeira sacra e, como non, Rías Baixas, estiveron presentes na cita vilagarciá. Unha cita que, ademais, nace con vocación de continuidade. Non así de ampliación. A programación continuou pola tarde cunha cata a cegas dirixidas polos sumilleres José Luis Aragunde e José Dieste no Auditorio. Xa pola noite, o Derby volveu abrir as súas portas cun novo túnel do viño, desta volta para todos os públicos.