Vanessa Rodríguez manterá a súa acta como edil de Sanxenxo

    SANXENXO> A concelleira de SAL, Vanessa Rodríguez, manterá a súa acta. Unha semana despois do anuncio da rotura do tripartito e do pacto que entrega a alcaldía ao popular Telmo Martín, a edil entende que a súa oposición ao acordo representa á maioría da formación independente. Unha postura que, asegura, respaldou onte a asemblea de afiliados. Con 23 votos en contra do pacto co PP, tres a favor e un en branco, a edil Vanessa Rodríguez considera refrendada a súa oposición ao acordo que entrega a alcaldía ao popular Telmo Martín. Á asemblea convocada onte pola xunta directiva de SAL acudiron o 40% dos militantes da formación. Tralo seu pronunciamento en contra do acordo, Rodríguez asegura que manterá a súa acta, aínda que cesará nas súas funcións dentro do goberno e traballará na oposición. Ante a situación que se está a vivir en Sanxenxo, Vanessa Rodríguez recoñece que marchar sería a opción máis sinxela. Porén insistiu no seu compromiso cos veciños e con SAL, aínda que non ocultou a súa decepción coa postura dos seus compañeiros no goberno. A preguntas sobre o futuro de SAL, Rodríguez asegurou que é un traballo que non pode facer soa. Rodríguez tamén asegurou que non teme unha posible expulsión da formación. Así as cousas, de producirse, insistiu que aceptaría a decisión.