CAMBADOS> Sarah Jane Evans foi a encargada de inaugurar os Encontros de Códax que comezaron este luns nas adegas Martín Códax de Cambados. A Master of Wine inglesa presentou ante os asistentes os seus viños brancos favoritos, chegados, de todas partes do mundo. Antes, tivo un momento para falar con nós. O pasado luns, Martín Códax abriu as súas portas ao mundo. A adega acolleu o primeiro dos seus Encontros de Códax, unha iniciativa que traerá ata Cambados a dous Master of Wine, título que representa a máxima excelencia en educación do viño. A primeira foi Sarah Jane Evans, que guiou aos asistentes por unha cata de seis caldos brancos do mundo. Esta experta declarouse unha namorada dos caldos españois. Destacou a calidade de moitas das elaboracións patrias, que teñen que traballar para seguir sobresaíndo nun mercado moi competitivo a nivel internacional. Só 360 persoas no mundo posúen o título de Master of Wine, polo tanto a opinión de Sarah Jane Evans é unha das que hai que ter en conta. Ademais, recoñece que ten especial gusto polos brancos tipo albariño. Unha variedade que ofrede múltiples posibilidades e experiencias. Esta Master of Wine tamén posúe outro título de gran recoñecemento na nosa zona: hai dous anos que foi nomeada Dama do Albariño. Leva o seu papel como voceira da variedade con orgullo, e destaca o traballo que fan todos os que forman a Denominación de Orixe Rías Baixas. Sobre o futuro, Sarah Jane Evans cre que a promoción será clave para seguir medrando. Pero non só a asistencia a feiras ou a eventos. Para esta experta, o máis efectivo é traer aos prescriptores ata a nosa zona, para que coñezan de primeira man as peculiaridades que a fan única. A xornada en Martín Códax foi todo un éxito, atraendo un perfil diferente de asistentes: dende sumilleres e prescriptores, ata consumidores interesados no mundo dos viños. O seguinte dos Encontros celebrarase o vindeiro luns día 5, cunha cata da man do tamén Master of Wine Norrel Robertson. Todo un luxo.
Inicio Salnés - Caldas