O legado de Raquel Fernández Soler seguirá formando parte do patrimonio pobrés

    POBRA > A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña vén de desestima-la demanda interposta por un herdeiro de Raquel Fernández Soler contra o Concello da Pobra do Caramiñal solicitando a anulación do legado desta en favor do concello pobrés. A decisión do Tribunal provincial vén ratifica-la sentencia do propio Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 3 de Ribeira que o pasado mes de xullo sinalaba que o executivo presidido por Isaac Maceiras respectara o legado da muller.

    Finalmente o concello da Pobra de Caramiñal non terá que devolver o patrimonio legado por Raquel Fernández Soler ó executivo municipal, tal e como viñan reclamando algúns dos seus parientes. Xa en 2003, os herdeiros presentaran unha demanda contra o concello para recupera-la casa e as fincas legadas ó concello no testamento da muller. Sen embargo, esta demanda foi desestimada en dúas ocasións; daquela, polo Xulgado de Primeira Instancia de Ribeira e Agora pola Audiencia Provincial da Coruña que vén ratificar a lexitimidade do concello como propietario dos bens.

    O executivo soamente terá que devolver unha contía de 39 mil euros derivados dunha expropiación tramitada antes da morte de Raquel Fernández Soler. O alcalde, Isaac Maceiras, expresou a súa gran satisfacción ante o fallo do tribunal posto que a herdanza desta gran benefactora da Pobra do Caramiñal quedará para o disfrute de tódolos veciños.

    Na actualidade están a piques de rematar as obras que convertirán a vivenda nunha casa da cultura e da xuventude que levará o nome de Raquel Fernández Soler.

    Redacción Barbanza