A reválida de 3º baleira as aulas e enche as rúas

    BOIRO> A plataforma en Defensa do ensino Público do Barbanza volveu elixir Boiro para manifestarse en contra das reválidas de primaria. Desta volta, expresaron o seu rexeitamento ás probas que hoxe e mañá realizan os alumnos de terceiro. Tralas protestas do pasado curso e o anuncio do pacto educativo por parte da administración, a plataforma das ANPAS do Barbanza confiaban en que este ano non habería reválidas. Equivocábanse xa que hoxe iniciáronse en toda Galicia os exames de terceiro de primaria que continuarán mañá. Exames que as asociación de país rexeitan na súa mayoría polo que foron moitos os que optaron por non levar os nenos á clase. Un dos principais argumentos en contra das reválidas é a súa falla de valor pedagóxico e académico. Entenden dende a plataforma que os resultados non contribúen a avaliar ó alumnado e o único que consiguen é xerar preocupación e estrés entre os nenos que teñen entre oito e nove anos. Alegan ademais que se estes exames tiveran tanta importancia, os país x aterían recibido os resultados das probas realizadas o curso pasado. En moitos casos non foi así. Aínda que seguirán adiante coas súas mobilizacións, as ANPAS dubidan da vontade de diálogo da administración e sospeitan que a Xunta non dará marcha atrás na súa decisión de implantar estas probas en primaria.