A nova base da Unidade Operativa de Rianxo entrará en funcionamento antes do verán

RIANXO> Situada no polígono rianxeiro de Te, nunha parcela de titularidade municipal que o Concello cedeu gustosamente á consellería de Medio Rural, emprázase a Base da Unidade Operativa contra incendios forestais.

O edificio, no que a Xunta investirá máis de 441 mil euros, forma parte do Plan de Infraestruturas de Medio Rural de cara a mellorar os servizos de loita contra o lume.

A elección de Rianxo responde tamén á súa ubicación estratéxica de cara a poder coordinar dun xeito rápido as labores de prevención e extinción, non só para esta comarca, senón tamén para as áreas veciñas

As obras de construción da base encaran xa a súa recta final.  Cunha superficie de aproximadamente uns dous mil metros cadrados, o edificio distribúese en tres zonas ben diferenciadas.

Unha das súas singularidades radica tamén no seu deseño. Na construción do inmoble empregáronse materiais ecolóxicos como é o caso da madeira, para convertela nunha edificación bioclimática.

A de Rianxo, xunto coa dos concellos de Muíños, en Ourense, e Mondoñedo, en Lugo, será unha das tres BUO en proceso de construción para toda Galicia, nas que Medio Rural investirá un total de 1’4 millóns de euros.