Comeza en Cambados a Asemblea Xeral de Acevin

    O Salón de plenos do concello de Cambados acolleu esta mañá a recepción oficial que a corporación cambadesa lle fixo esta mañá ós membros de Acevín, a Asociación Española de Cidades do Viño, que se atopan na capital do Albariño para celebrar a súa Asemblea Xeral. Sendo Cambados Cidade Europea do Viño, non é de estrañar que Acevín, a Asociación Española de Cidades do Viño, elixise a vila do Salnés para celebrar a súa Asemblea anual. Unha delegación de 80 persoas de todo o estado, está xa desde onte no municipio cambadés, ademais de para asistir á reunión, para coñecer e gozar das particularidades desta zona das Rías Baixas. A alcaldesa, Fátima Abal, deu a benvida á comitiva de forma oficial na recepción que tivo lugar esta mañá no Salón de Plenos do Concello . A presidenta de Acevin, Rosa Melchor, felicitou ó concello de Cambados pola súa acollida ós membros da entidade, así como por representar de xeito tan activo o empeño por facer chegar o enoturismo ó lugar que merece . O concelleiro de Enoturimos, José Ramón Abal, animou ós asistentes a gozar da fin de semana en Cambados , e destacou o programa de actividades que teñen preparado para os membros da Asociación. Trala recepción, a alcaldesa, acompañada de toda a corporación ,fixo entrega ós asistentes dun agasallo conmemorativo no que se incluía un libro sobre a historia da vila cambadesa. Ó mesmo tempo, Abal tamén recibiu obsequios procedentes dos municipios participantes nesta Asemblea de Acevín.