A Deputación fai realidade o proxecto de musealización da casa de Rafel Dieste

    RIANXO> A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartin, e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, asinaban esta mañá o convenio de colaboración que dará inicio á reforma interior da casa do escritor Rafael Dieste. No propio interior da vivenda, a vicepresidenta e responsable de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartin, e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, procedían á sinatura do acordo que permitirá poder iniciar as obras. O proxecto de mellora interior da casa de Rafel Dieste ascende a máis de 236 mil euros, dos cales o 80% serán aportados pola Deputación e a cantidade restante asumida polo Concello. A actuación será unha continuidade ás obras xa realizadas no ano 2012, que consistiron basicamente na substitución da cuberta e na mellora e limpeza da fachada. Dende o organismo provincial destacaron que con este proxecto, o que se pretende é impulsar a condición de Rianxo como vila literaria, onde a cultura é tamén motor de dinamización turística e económica, como acontece tamén con outras casas de referencia no país como é o caso da de Rosalía de Castro en Padrón. Pola súa banda o rexedor rianxeiro agradeceu o apoio da Deputación da Coruña que permitirá poder desenvolver agora a actuación. A intención do Concello pasa por iniciar canto antes as xestións para a contratación da obra coa idea de en menos dun ano a casa poida xa abrise ó público. Muíños adiantou tamén que algúns dos materiais que formarán parte do futuro museo de Rafael Dieste como é o caso de mobiliario orixinal que xa foi restaurado, o piano, coleccións de partituras ou primeiras edicións das súas principais obras.