Un novo vertido afecta ó río Morto na Pobra do Caramiñal

    POBRA > De novo un grupo de veciños da Pobra do Caramiñal vén de denunciar a existencia dun vertido no río Morto na zona de Bandaorrío en Pontenaveira. O cheiro nauseabundo e a cor branca e escumosa que presentaba o río fan pensar que se trata de novo dun vertido industrial.

    Veciños de Bandaorrío en Pontenaveira, na parroquia do Caramiñal na Pobra denunciaron a existencia dun vertido no río Morto. O forte cheiro existente, así como a presenza de residuos de cor branco e escuma nas augas, fíxolles levantar sospeitas sobre o problema que se estaba a producir.

    Este tipo de situacións son segundo eles bastante frecuentes e repítense a miúdo, sinalando como causa probable do mesmo ás empresas asentadas no polígono da Tomada que en moitas ocasións verten directamente ó río sen depurar os seus residuos, provocando un grave problema medioambiental.

    A responsable de Medio Ambiente da Agrupación Local do PSOE da Pobra, Teresa García Guillán, denunciou tamén estes feitos, esixíndolle ó alcalde, como máximo responsable do concello, a adopción de medidas urxentes para evitar que se produzan este tipo de feitos.

    Redacción Barbanza