A Pobra volve converterse en sede da implantoloxía internacional

    POBRA> Cento cincuenta profesionais da odontoloxía daranse cita esta fin de semana na Pobra para participar na undécima edición do Congreso sobre Implantes Dentais. Como cada ano, a cita contará con destacados poñentes a nivel nacional e internacional. A clínica do doutor Gonzalo López Castro volverá facer da Pobra o epicentro da Implantoloxía grazas ó congreso que, dende hai once anos, vén celebrando na vila barbanzá. O estudo das patoloxías relacionadas cos implantes dentais centrará as ponencias desta edición que se celebrará o sábado no auditorio do museo Valle-Inclán. O currículum dos poñentes, entre os que destaca o doutor en Odontoloxía pola Universidade de Gotemburgo, Tord Berglundh dá idea da talla deste congreso internacional que tamén contará coa presenza de dous profesores do Máster de Ciruxía Bucal da Universidade de Alcalá, José Luís Domínguez Mompell e Juan LAra Chao que abordarán as atrofias óseas na implantoloxía. Pechará o programa do sábado o doutor Jaime Jiménez cunha conferencia sobre o mantemento na implantoloxía a nivel estético que dará paso a un coloquio coa participación dos asistentes. A xornada previa desenvolverase un taller de manexo de tecidos brandos e rexeneración ósea que suporá a inauguración do novo centro de formación Atlantic Dental Institute promovido polo doutor Gonzalo López. O congreso conta coa colaboración de Dentsply Sirona Implantes e o Laboratorio e o concello da Pobra que, un ano máis, agradeceron o esforzo de Gonzalo López por poñer ó municipio no mapa como referente da implantoloxía dental.