A remodelación da lonxa de Testal estará rematada para o inicio da campaña marisqueira

NOIA> As obras de remodelación da lonxa de Testal marchan a un bo ritmo. Os traballos, sufragados pola consellería do Mar, teñen coma principal finalidade mellorar as condicións da cuberta e a impermeabilización do edificio.

Acompañamos ao alcalde, Santiago Freire a unha visita á lonxa de Testal para comprobar a evolución dos traballos que actualmente se están a executar nas instalacións e que teñen coma principal finalidade mellorar as condicións laborais dos mariscadores e dos propios traballadores da Confraría. A actuación, cun orzamento duns 500 mil euros, é sufragada pola consellería do Mar.

Ademais a actuación ten tamén coma finalidade dotar ás instalacións dunha estrutura a xeito de graderío para que a xente que o desexe poida seguir a clasificación e poxa do marisco sen interferir a actividade diaria da rula.

O bo ritmo ó que se executan as obras fai que o executivo confíe en que poida estar rematada para o inicio da próxima campaña marisqueira, alá polo mes de setembro.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí