A Feira de Noia consolídase como unha das principais citas festivas da vila

    NOIA> A Feira de Noia pechou a súa quinta edición con gran éxito de participación. Os hostaleiros pecharon as casetas con moi bo sabor de boca debido á afluencia de visitantes que quixeron sumarse a esta festa flamenca. Noia celebrou esta fin de semana a quinta edición da Feira. Polas casetas emprazadas en Labarta pasaron numerosos veciños e visitantes atraídos por esta celebración con tintes flamencos que nada ten que envexar á Feira de Abril. Os rebujitos e as manzanillas regaron as tapas típicas do sur como rabo de touro ou pescaíto frito. A música correu a cargo de grupos flamencos como Rumba Tres, DeCai ou Bordon Catro. A gran afluencia de asistentes consolida á Feira como unha cita obrigada no calendario festivo de Noia. Os hostaleiros realizaron un balance moi positivo posto que contribúe a atraer clientes nun mes no que aínda non estamos en tempada alta polo que é preciso dinamizar o sector mediante actividades deste tipo. Dende o concello teñen claro que a Feira terá continuidade en futuras edicións.