MUROS> A xerente de Solo Empresarial do Atlántico, Beatriz Sestayo, asinou este mediodía en Muros a adxudicación dunha parcela no polígono industrial desta localidade, un dos trece que xestiona esta entidade dependente do Ministerio de Transportes. Trátase dun terreo de preto dos 900 metros cadrados, que lle foi adxudicada á empresa Insuapesca, firma dedicada á elaboración de conservas artesanais.
A xerente de SEA, Beatriz Sestayo, valorou moi positivamente esta operación levada a cabo no polígono de Muros, que permitirá impulsar este parque empresarial, un dos trece que xestiona a entidade en Galicia. A adxudicación desta parcela á empresa Insuapesca, firma dedicada á elaboración de conservas artesanais, realízase ademais en dereito de superficie, o sistema que, a modo de alugueiro con opción a compra, se está promovendo dende a SEA para favorecer o crecemento de áreas empresariais con menor actividade.
Insuapesca abonará nos primeiros anos pouco máis de mil euros anuais, cifra que se irá incrementando levemente nos seguintes exercicios. Ó quinto ano poderá optar por adquirir a parcela, cun desconto parcial da cantidade abonada, ou por continuar en esta modalidade. Dáse a circunstancia que esta é a segunda operación deste tipo que se firma en Muros en menos dun ano, anteriormente, xa se realizara outra coa empresa Trima.
Ademais de Muros, SEA promove esta modalidade de parcelas en dereito de superficie nos polígonos de Cee, Malpica, Vilanova, Catoira e Mondoñedo.