Dous ‘regueifeiros’ encargaranse do pregón das Festas de San Xoán

POIO> A tradición continúa a ser a gran protagonista das Festas de San Xoán de Poio deste ano. Hoxe coñecimos os nomes dos encargados do pregón. Serán Luis “O Caruncho” e Bieito Lobariñas, e farano a xeito de regueifa. Ou o que é o mesmo: un desafío oral, improvisado e en verso. Será o día 22 de xuño, dando comezo á Semana Grande das festas. O dúo formado por Luis “O Caruncho” e Bieito Lobariñas serán os encargados de dar a saída á semana grande das festas patronais de Poio. Unha modalidade que encaixa na filosofía que o concello quixo aplicar ao programa deste ano: a recuperación da tradición. Ademais de manter as fogueiras, as sardiñadas e a recollida das herbas de San Xoán, o concello recupera este ano outra tradición: a do pasarrúas de cabezudos pola PO-308. O desfile será previo ao pregón o día 22 de xuño.