Domínguez acusa a Lores e a Mosquera de ‘permitir o espolio artístico’ de Santa Clara

PONTEVEDRA> O vicepresidente segundo da Deputación de Pontevedra acusa ao alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, e a o concelleiro César Mosquera, de consentir o que considera o espolio cultural e artístico de Santa Clara. Segundo Rafa Domínguez, ambos permitiron ás clarisas levar pezas do convento de gran valor artístico por unha cuestión ideolóxica. Agora asegura que a Deputación tratará de recuperar as imaxes levadas pola orde relixiosa.

Esta é a acusación que esta mañá lanzaba contra o alcalde e o edil nacionalista o vicepresidente segundo da Deputación de Pontevedra. Refírese Rafa Domínguez ao acordo de compra de Santa Clara, polo cal se permitiu á orde das clarisas levar as imaxes relixiosas que había nos retablos da igrexa.

A intención de Domínguez é recuperar este patrimonio. Hoxe anunciou que a Deputación intentará negociar coas clarisas o seu retorno, aínda que a igrexa xa está desacralizada.

Domínguez asegurou que xa mantiveron os primeiros contactos coa Igrexa, aínda que recoñeceu que foron moi preliminares.

O alcalde apunta que Patrimonio autorizou a retirada das pezas

Ante estas acusacións do vicepresidente segundo da Deputación de Pontevedra, o alcalde capitalino sinalou que as clarisas levaron as pezas de Santa Clara co visto bo de Patrimonio da Xunta de Galicia. Miguel Anxo Fernández Lores tamén instou a Rafa Domínguez a actuar de urxencia no convento.