O Concello comeza unha nova etapa de renovación coa creación de tres novas direccións xerais

PONTEVEDRA> O Concello de Pontevedra entra nunha nova etapa de renovación profunda. O primeiro paso cara esta reorganización municipal será crear tres novas direccións xerais. Ademais da que xa existía, de Urbanismo e servizos xerais, o goberno municipal sumará a área de Mobilidade, de Protección Cidadá e Emerxencias e de Recursos Humanos.

“O primeiro paso dun tempo novo”. Así definiu a portavoz do goberno o primeiro cambio para a reorganización municipal. O Concello quere crear unha administración eficaz, aberta e clara, e para conseguilo nomeará nos vindeiros meses tres direccións xerais.

O Concello, que conta actualmente cun director xeral na área de Urbanismo e Servizos Xerais, quere sumar tres áreas máis:  a de Mobilidade, a de Protección Cidadá e a de Recursos Humanos.

Ser funcionario do grupo A1 é o principal requisito para converterse no novo director xeral dalgunha destas tres áreas. Anabel Gulías asegurou esta mañá que as negociacións xa están en marcha e que a intención do Concello é que sexan persoas da casa.

Esta nova medida que segundo a portavoz do goberno non suporá un gran impacto para as arcas municipais, terá que ser aprobado no próximo Pleno da Corporación. A intención do Concello é que as catro direccións xerais estean traballando a pleno rendemento no mes de setembro.