1.714 barcos atracaron nos portos das Rías Baixas no primeiro semestre

Pontevedra> Os portos deportivos das Rías Baixas recibiron no primeiro semestre do ano a 1.714 barcos en tránsito. Esta cifra, que supón un incremento do 2% con respecto ó mesmo período do ano anterior, confirma a consolidación da actividade portuaria na provincia, que se estende ó conxunto de Galicia.

Os portos de titularidade autonómica recibiron no primeiro semestre do 2018 un 9% máis de embarcacións que no 2017. Máis de 2.500 barcos recalaron nos peiraos galegos nesta primeira metade do ano. As Rías Baixas contabilizaron máis de 1.700 atraques. O Monte Real Club de Iates de Baiona rexistrou o maior número de embarcacións, con 214 tránsitos, seguido do porto deportivo da mesma localidade, con 190, e a mariña de Combarro, con 148. Deste modo, a provincia de Pontevedra confirma o ascenso e bos resultados na actividade portuaria.

Dende Portos de Galicia lembraron que se está a apostar pola promoción da náutica de recreo, para o que se está a participar en encontros tanto nacionais coma internacionais.

Esta aposta forma parte do Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020 desenvolvido por Portos de Galicia, que ten coma puntos fundamentais a sustentabilidade e a introdución das novas tecnoloxías. Dende a entidade pública destacan o impacto económico que esta actividade ten non só nas instalacións portuarias, senón tamén na contorna. O retorno producido polas embarcacións en tránsito neste primeiro semestre do ano foi duns 300.000 euros.

Juan José Durán tamén indicou que se está notando un relevo xeracional nos navegantes, e que se están a constatar tanto a desestacionalización dos tránsitos coma a proliferación de novas modalidades coma a navegación en flotilla.