A Deputación da Coruña reparou a xunta central da ponte de Catoira

    RIANXO> O deputado provincial e responsable de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, comprobou esta mañá o resultado das obras levadas a cabo nas últimas semanas. Preto dos trinta mil euros. Esta é a cantidade investida pola Deputación da Coruña nas obras de reparación da xunta central da ponte de Catoira que presentaba importantes deficiencias e que de non actuar con urxencia poderían ter afectado gravemente á infraestrutura. O deputado responsable de Vías e Obras do organismo provincial, José Manuel Pequeño, visitou esta mañá a zona, acompañado de varios técnicos, para comprobar o resultado dos traballos levados a cabo nas últimas semanas. Sen ser, na súa execución, unha obra de gran calado, a dificultade foi poder realizar a reparación sen interromper a circulación, o tratarse dunha vía cunha elevada intensidade de tráfico. Pola súa banda o responsable de Vías e Obras da deputación coruñesa volveu insistir na necesidade de abordar a transferencia da ponte á Xunta de Galicia, tal e como recolle o Plan Move, dado o carácter estratéxico do vial que une as provincias da Coruña e Pontevedra. A última actuación importante realizada na ponte de catoira producíase no ano 2014. Sufragada polas dúas Deputacións, a de Pontevedra e a da Coruña, a infraestrutura permaneceu pechada totalmente ó tráfico durante un período duns catro meses causando un gran malestar entre os habituais usuarios do viaduto. Daquela xa se propoñía a realización dunha actuación de maior envergadura e mesmo se falaba da construción dunha nova ponte ou a ampliación da xa existente a catro carrís. Unha reivindicación que aínda se mantén a día de hoxe debido ó alto volume de tráfico que soporta.